Friday 03 de May de 2024

Suprímese o sentido único de circulación nun tramo do Camiño Real


A Concellaría da Seguridade da Pobra do Caramiñal procedeu a estuda-las enquisas recibidas a respecto do nivel de conformidade da veciñanza da rúa 2 da Ribeiriña, que se corresponde cun dos tramos do Camiño Real, con relación á aplicación provisional do sentido único de circulación na dirección A Pobra-Boiro.

A participación na sondaxe foi do 60’53% (23 vivendas), das cales 9 votaron a favor da medida e 14 en contra. Deste xeito, o edil José Andrés Lojo (Nós Pobra) manifesta que se anula a vixencia desta medida provisional e, polo tanto, que se efectuará a retirada da sinalización circunstancial. Así mesmo, analizaranse as propostas reflectidas nos cuestionarios.

O concelleiro tamén anunciou que se organizará unha asemblea veciñal, cuxa data aínda está por determinar e da cal se informará a cidadanía, coa finalidade de busca-la mellor solución posible ao problema de fluidez de tráfico rodado existente na referida vía que, co tránsito en ámbolos dous sentidos, impide o paso simultáneo de dous vehículos en direccións opostas, tal e como constataron os axentes da Policía local tralas demandas de varias persoas residentes e usuarias da zona.